Portosde Galicia construirá un pantalán de descarga na lonxa de Ribeira

RIBEIRA> Portos de Galicia dotará dun pantalán de descarga para artes menos á lonxa de Ribeira. Esta actuación, longamente demandada pola confraría, suporá unha notable mellora das condicións de traballo dos profesionais. Na recente xuntanza mantida entre o patrón maior de Ribeira e o presidente de Portos, este comprometeuse á construción dun pantalán de descarga na lonxa. A pesar de que a administración autonómica axilizará en todo o posible os trámites administrativos, a actuación demorarase algúns meses posto que é preciso a redacción dun novo proxecto para atender ás demandas dos profesionais que solicitan un pantalán elevado para mellorar as condicións de traballo. Dende que comezara a operar a nova lonxa, a finais do pasado verán, a confraría viña reclamando que se dotara ó porto desta estrutura xa que os mariñeiros tiñan que desenvolver o seu traballo con grandes dificultades, supoñendo mesmo un risco para a súa seguridade. Ademais do pantalán de descarga, Portos comprometeuse tamén a construír un pantalán para as embarcacións de artes menores no interior da dársena, onde a falla de espazo obriga a atracar en filas de catro ou cinco.