Unha acusada de branqueo xustifica o seu patrimonio no traballo na noite

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/04abril/08/xuizo_branqueo_audiencia_080414.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/04abril/08/xuizo_branqueo_audiencia_080414.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> Tres anos de prisión e sesenta mil euros de multa é a pena que pide a Fiscalía de Pontevedra para a acusada de branquear cartos procedentes do secuestro dun construtor de Meaño. O Ministerio Público decidiu manter os cargos despois da vista oral celebrada esta mañá. Durante a sesión, a muller xustificou o seu patrimonio no seu traballo na noite e en regalos de voda.

A muller de 34 anos tivo que responder ante a sección cuarta da Audiencia Provincial polas acusacións de branqueo de diñeiro. Uns cartos que, supostamente, proverían do secuestro exprés que no 2006 sufriu o construtor de Meaño José María Cacabelos e polo que a súa familia chegou a pagar un rescate de 100 mil euros.

Nesa época era parella de Omar Bajo, que cumpre condena polo rapto do empresario. Xuntos desprazáronse a Zaragoza para que ela mercara un vehículo deportivo cuns cartos que, asegurou, eran froito do seu traballo na noite.

Segundo o propietario do coche, pola venda recibiron 29 mil euros. Segundo Vanesa, só pagaron algo máis de 24 mil.

Os pais de Vanesa e Omar ratificaron esta versión; algo que tamén fixo o exmozo. Dende prisión Bajo prestou declaración para exculpar á súa exparella.

Pero as explicacións non convenceron á fiscal. Nas conclusións, insistiu en que parte do coche foi pagado con cartos do rescate do empresario, polo que mantivo a súa petición de tres anos de prisión por un presunto delito de branqueo e unha multa de 60 mil euros. Ademais pide unha indemnización de 29 mil euros para o empresario secuestrado.