Os areais do Vilar e a Ladeira contarán con socorristas na Semana Santa

    RIBEIRA> O executivo ribeirense ten previsto activar un dispositivo de vixilancia nas dúas praias abertas máis frecuentadas do municipio, como son o Vilar e a Ladeira no caso de que as previsións meteorolóxicas apunten a bo tempo nas vacacións de Semana Santa. De ser así, cada areal contará con dous socorristas que operarán dende o xoves 17 ata o domingo 20 de abril, ambos inclusive, e se encargarán da salvagarda dos bañistas nunhas datas de grande afluencia turística. Ademais, o concello seguindo as recomendacións emitidas pola coordinación do servizo de salvamento en 2013, está a proceder tamén á instalación de dez paneis informativos en tres idiomas galego, castelán e inglés nos que, dada a potencial perigosidade das correntes de catro areais, se recomenda precaución á hora do baño. Catro destes elementos están situados na praia do Vilar e outros dous na Ladeira, aos que se sumarán outros dous na praia de Balieiros (en Corrubedo) e dous na parte riveirense do areal de Espiñeirido que o concello comparte con Porto do Son. Por outra banda o executivo ribeirense tamén informou de que dende hai varios días se está procedendo á limpeza das distintas praias do municipio para que nestes días de lecer se atopen en óptimas condicións.