Avigal parará na fin de semana para reforzar as desinfeccións tras superar os 90 contaxios

CAMBADOS> Este novo escenario na comarca vén marcado polo importante gromo rexistrado nunha empresa avícola de Cambados. A área sanitaria Pontevedra-Salnés confirmaba onte que hai xa 96 casos positivos vencellados á compañía Avícola de Galicia, no polígono de Sete Pías. Esta tarde, Sanidade e dirección acordaron parar a planta durante esta fin de semana para intensificar as tarefas de desinfección.

Esta empresa no polígono de Sete Pías de Cambados é o epicentro do gromo de coronavirus que fixo saltar todas as alarmas na comarca do Salnés. A área sanitaria Pontevedra-Salnés confirmaba onte que xa hai 96 positivos vencellados a esta compañía. 75 traballadores e unha vintena dos seus contactos mantéñense en corentena, evolucionando nos seus domicilios.

A pasada fin de semana apareceron os primeiros síntomas, e dende o Sergas realizaron tests masivos aos traballadores e aos seus entornos. A día de onte realizáranse 173 probas, que deixaron o balance de 96 positivos. A maioría deles son asintomáticos ou leves.

A través dun comunicado, a empresa asegura que o día 17 de agosto, cando comezou a funcionar a planta cambadesa, realizaron tests masivos a todo o persoal. A compañía tiña previsto facer outra vaga esta semana, pero antes xa apareceron os primeiros síntomas.

Avícola de Galicia explica que ante esta situación xa rebaixaron a produción da planta cambadesa máis dun 60%, incrementando o distanciamento social dentro da nave. Aseguran que cumpren dende sempre todos os protocolos COVID19. Ademais, a dirección da empresa acordou coa Consellería de Sanidade un parón da actividade durante esta fin de semana para intensificar as tarefas de desinfección dos espazos internos e externos das instalacións.

Por outra banda, matizan que a planta de Avícola de Galicia en Campañó é de total normalidade, sen que se detectara ningún caso de coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí