Galicia é a segunda comunidade con máis axudas para a creación de emprego

    GALICIA> Galicia recibirá preto de 100 millóns de euros por parte do Estado para o financiamento das políticas activas de emprego. Deste xeito, Galicia segue sendo a segunda comunidade autónoma que máis cartos recibe por cada parado. Así o anunciou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tras a súa participación en Madrid na Conferencia sectorial de emprego e asuntos sociais.A titular do departamento autonómico salientou que nesta distribución de fondos tívose en conta o cumprimento de obxectivos das políticas de emprego por parte das comunidades autónomas. Grazas a que Galicia cumpriu de forma positiva cos obxectivos, a comunidade vai recibir este ano un 0,3 por cento máis de fondos que o que tería recibido se o reparto fose lineal. De feito, Mato considerou “moi positivo” que se valore o “traballo ben feito” e a efectividade á hora de desenvolver estas políticas. Nesta mesma liña da efectividade na execución das políticas de emprego, Mato destacou que Galicia recibirá o 30 por cento do total dos fondos estatais para o recoñecemento da experiencia profesional, unha materia na que o Goberno galego ten sido pioneiro. Por outra parte, a conselleira sinalou tamén que Galicia se sitúa á cabeza das autonomías no número de servizos e programas incluídos no Plan anual de políticas de emprego (PAPE), cun total de 67, o que a converte na segunda autonomía con maior número de medidas. Deste total de actuacións, 27 son comúns a todas as autonomías e 40 son propias de Galicia.