O PP do Barbanza avoga por manter os actuais partidos xudiciais

    NOIA> Os populares insisten na necesidade de que os veciños non se vexan afectados polos recortes dos servizos. De prosperar o anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, impulsado polo Consello de Ministros, na comarca do Barbanza desaparecerían os xulgados de Ribeira, Muros, Padrón e Noia, xa que quedarían supeditados ao da Coruña, ó executarse unha completa provincialización da administración de xustiza. Os populares do Barbanza, preocupados polos cambios que isto pode xerar, reuníronse esta mañá en Noia e aseguraron que van facer todo o posible para manter as sedes xudiciais da comarca. Todos eles coinciden en que a remodelación da xustiza é necesaria pero que se deberían ter en conta as distintas particularidades de cada territorio. Por estas particularidades, o deputado autonómico Santiago Freire confía en que o anteproxecto será modificado, incorporando algunha das melloras que propoñen. Freire aproveitou a ocasión para acusar ó ex ministro de xustiza, Francisco Caamaño, de falta de responsabilidade por non efectuar as reformas que se requirían, aínda considerándoos necesarios.