A AMTEGA avanza no desenvolvemento do Plan de Software Libre

GALICIA> A Xunta abordará no último trimestre deste ano o Plan de migración a software libre ofimático en preto de 1.000 ordenadores dos empregados da Administración Xeral. Así o indicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, tras asinar os convenios de colaboración cos axentes galegos do Software Libre galego. Un ano máis a Amtega colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia , integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre ; e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. Os acordos asinados , cunha dotación conxunta de 140.000 euros, permitirán a realización de actuacións que inclúen dende a elaboración de documentación, a tradución de Software Libre á lingua galega, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social e a implantación de Software Libre nas Universidades. A estes acordos súmanse os asinados recentemente pola a Amtega e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática que tamén incorporan accións en prol do fomento do Software Libre. O Plan de Acción en Software Libre 2014 recolle as 80 actuacións que durante este ano se porán en marcha para incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade, o sector empresarial e na propia administración.