Albamar, a empresa familiar cambadesa recoñecida como mellor adega de Galicia

91

CAMBADOS> A adega Albamar presume de se-la mellor adega galega, segundo os premios Magnum. Na empresa cambadesa ven este galardón como un recoñecemento ó seu xeito de entende-lo mundo do viño, dende unha perspectiva familiar e baseada no control de todo o proceso. Nós hoxe estivemos co seu responsable que cre que este premio serve tamén para render homenaxe á tradición vitivinícola de tres xeracións que deu como resultado Albamar.

Este premio distingue a mellor adega galega. O galardón foi parar a esta pequena adega familiar de Cambados, produtora do viño Albamar. O galardón pretende poñer en valor a calidade do conxunto da produción. Sorprendido co recoñecemento, o actual responsable da empresa entende que moitas outras adegas poderían facerse co premio.

Tras desta adega hai tres xeracións de traxectoria. Os avós de Xurxo xa elaboraban viño de diferentes novidades. Herdaron a tradición os seus pais e agora, dende o 2006,  el tomou as rendas do negocio.

A pesar dos cambios experimentados nos últimos anos, a adega mantén o espírito co que naceu. Xurxo aproveita para poñer en valor o traballo dunha adega destas dimensións fronte ás grandes empresas. De cara ó futuro, Xurxo aposta por consolida-lo actual proxecto.

A produción de Albamar céntrase en Albariño e un chisco de Espadeiro. A uva provén de viñas propias e tamén doutros viticultores da zona. O 50% do seu produto véndese xa no exterior, tendo como un dos seus principais mercados Os Estados Unidos.