GALICIA> Portos de Galicia e a Axencia Pública de Portos de Galicia veñen de asinar un convenio para impulsar a Travesía Náutica Xacobea 2022. Esta peregrinación marítima sairá este venres dende Barbate, en Cádiz, e arribará o día 13 de xuño ó porto de Portosín.
A sinatura do protocolo de colaboración por parte da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a presidenta da Axencia Pública de Portos de Andalucía, Marifrán Cariza, dá o impulso definitivo á Travesía Náutica Xacobea 2022 que partirá da localidade gaditana de Barbate este venres día 28. A expedición marítima ten previsto chegar a Galicia o día 10 de xuño cunha primeira parada no porto de Baiona. Os veleiros participantes realizarán entón tres etapas máis: unha ata Portonovo con paso por Vigo e Cangas, outra ata Ribeira con escala en Cabo de Cruz e a última que finalizará o día 13 en Portosín, onde acadarán a meta por mar.
A continuación, os participantes continuarán o percorrido a pé polo Camiño Portugués nos últimos quilómetros ata Compostela. Esta ruta marítima a vela, organizada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga), rememora a traslatio dos restos do Apóstolo Santiago.
O seu obxectivo é promocionar o sistema portuario galego como porta de entrada de peregrinos neste ano Xacobeo consolidando ademais estes tráficos a nivel turístico en vindeiros anos. Portos de Galicia leva tempo traballando con este fin e xa o pasado ano distinguiu os peiraos deportivos da comunidade como portos xacobeos que funcionan como enlace entre o litoral galego e os camiños oficiais de peregrinación a Santiago.
Trala sinatura do convenio, as responsables de portos de ámbalas dúas comunidades autónomas animaron ós afeccionados á náutica recreativa a participan nesta peregrinación. Os interesados poden inscribirse a través da web de Asnauga. No evento participará tamén unha delegación de xornalistas europeos especializados que, tras vivir a travesía en primeira persoa, difundirán a importancia do Camiño Xacobeo por Mar ampliando así a súa repercusión máis aló das nosas fronteiras.