O turismo estranxeiro aumenta en Galicia, ata o 27 % do total

GALICIA> Galicia aumentou significativamente o número de turistas internacionais que visitaron a nosa terra no que vai de ano. Os datos falan ás claras dun importante incremento na chegada e nas pernoctas de visitantes procedentes da diáspora.

Entre a motivación que atrae ós turistas á nosa comunidade salienta a natureza e as paisaxes e, en segundo lugar, a gastronomía. Deste xeito os produtos galegos de calidade son un acicate para o turismo; combinados co bó facer dos destacados chefs galegos. A día de hoxe, Galicia presume de ter ata 13 estrelas Michelín entre os seus máis destacados cociñeiros, e mesmo contar cun establecemento, Casa Solla, que loce os seus tres soles Repsol. Amais dos bós productos elaborados polos creadores de maior renome, Galicia ofrece unha inusual variedade gastronómica por concellos ou comarcas. Milleiros de propostas diferentes nunha mesma comunidade autónoma. Co remate do outono van culminándose actividades de promoción estacional das distintas vilas e cidades galegas a través da gastronomía, como foron a oitava edición do Outono Gastronómica ou o Galicia de Tapas. Agora no Nadal, a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia ven de editar unha axenda que recompila as actividades máis destacadas que se dan nestas datas en toda a xeografía galega. Un díptico que foi encartado en prensa e que tamén está dispoñible na web deste departamento autonómico. E xa en primeira persoa, a Xunta de Galicia argallou un fermoso mercado de Nadal, na Praza da Quintana en Santiago; e un impresionante belén no interior da propia Catedral compostelá. E ás portas do Aninovo, Nava Castro apunta a folla de ruta do que vaia a ser o traballo da Secretaría Xeral de Turismo no 2015. Unhas accións que xiran en torno ó polo de atracción turística máis destacado que ten Galicia que é o Camiño de Santiago, nas súas múltiples vertentes. Pero namentres o 2015 non chega, Castro recoméndanos desfrutar deste Nadal en Galicia.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/24/nava.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/24/repor_turismo.mp4{/flowplayer}