ESTRATEXIA INTERNACIONALIZACIÓN 2021-2025

Galicia conta cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025,a folla de ruta coa que o Goberno galego busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Sobre estes eixes, a Administración autonómica aspira a que se acaden as 8.000 empresas exportadoras neste lustro e os 25.000 millóns anuais en exportacións, incrementando especialmente a presenza galega en países de fóra da Unión Europea.

Neste sentido, a Estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as export acións ao Reino Unido.

Para acadar ditas metas, a Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período 2021-2023 que suma máis de 70 millóns euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego tras a pandemia da covid-19. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

O primeiro deles, o relativo á innovación, complementará e potenciará o traballo feito ata o de agora a través das Antenas do Igape. Estas oficinas, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización, están abertas hoxe en día en Shanghái, Miami, Casablanca, Cidade de México, Lima e Londres -esta última coa denominada Oficina Brexit-. Sobre esta base, o obxectivo é ter abertas en 2022 novas Antenas en Dubái e Tokio, explorando as posibilidades de Brasil e Corea do Sur a partir de 2023. A través da rede de Antenas, a previsión da Xunta é dar servizo a máis de 200 empresas en 2021 e chegar ás 1.000 no período 2021-2023.

Un crecemento que se pretende que se produza, tamén, da man da internacionalización dixital, fomentando que as compañías incorporen as canles dixitais para chegar a novos mercados. A meta é acadar as 1.000 empresas internacionalizadas dixitalmente no 2025, que se sumarían a outras 700 ás que se aspira a dar cobertura nas próximas edicións do Galicia Exporta Dixital, contando para todo cun orzamento de 24 millóns de euros ata o 2023.

Así mesmo, activarase o programa Emprende Global, que pretende facilitar a participación en feiras e encontros internacionais en materia de innovación e emprendemento. Neste sentido, prevense visitas a ecosistemas tecnolóxicos punteiros a nivel mundial, como o de Miami-Florida, Zhongguancun (Pekín), SiliconWadi (TelAviv), SiliconValley (California) ou o East LondonCity (Londres). Ademais, fomentaranse o acceso ás licitacións internacionais cun servizo que permitirá ás empresas contar cunha plataforma que achegue información de contratación pública internacional e unha análise sobre a potencialidade do mercado da contratación pública en diferentes países.

O segundo eixe do plan de acción para o período 2021-2023 susténtase na captación de talento internacional, achegando ao tecido empresarial galego profesionais expertos na materia. Neste marco, destinaranse 9 millóns de euros para continuar coas liñas destinadas aos bolseiros e aos xestores de internacionalización, na procura de conseguir 100 novos bolseiros e chegar a 140 empresas.

A Xunta de Galicia tamén activará o programa Fórmate Internacional, nova iniciativa de cualificación práctica e continua orientada á internacionalización. Neste marco, cómpre destacar tamén o programa ReAccionacovid-19, que incluirá dúas novas liñas de análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos adaptados ao novo escenario.

O acompañamento nos mercados de destino é o terceiro piar do plan de internacionalización para este período inicial. Un campo no que a previsión de investimentos supera os 10 millóns de euros ata o 2023, e que permitirá continuar o traballo iniciado coas liñas Galicia Exporta ou cos programas desenvolvidos en colaboración coas Cámaras de Comercio, ao tempo que se impulsan plans sectoriais nas industrias vitivinícola e contract que facilitarán tanto a internacionalizacións das súas empresas como a cooperación entre os diferentes axentes. No caso do viño, o plan intégrase na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que acaba de ser presentado e que persegue consolidar os viños galegos nos diferentes mercados e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

Un labor que se complementa coa do cuarto eixe, centrado na difusión de casos de éxito, para o que se porá en marcha o programa Igape Contigo, que informará sobre a propia Estratexia de Internacionalización, dando a coñecer ditos casos de éxito e escoitando ás empresas para afondar en novas necesidades.

O mellor ciclo exportador

Deste xeito, e a través desta Estratexia, a   Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e da dixitalización. Un esforzo compartido que xa se vén levando a cabo e que ten permitido–segundo as últimas cifras de exportacións publicadas, relativas aos primeiros sete meses do ano–, acadar un crecemento do 23,3% con respecto ao mesmo período do ano pasado (xaneiro-xullo) e mesmo mellorar os datos anteriores á pandemia, sumando máis dun 5% máis que nos primeiros sete meses de 2019.

De manterse este ritmo no que resta de 2021, as exportacións galegas pecharían por quinto exercicio consecutivo por riba dos 20.000 millóns de euros, consolidando así o mellor ciclo exportador da historia de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí