A Xunta lanza descontos de ata o 40% en paquetes turísticos para ‘redescubrir’ Galicia

O GROVE> O Grove foi o lugar escollido pola Xunta para lanza-lo programa ‘Elixe Galicia’. Na comarca do Salnés hai 10 establecementos que participan neste plan turístico. Vaise activar este domingo, co obxectivo de impulsar o turismo interno fóra da tempada estival. Está destinado a mozos de entre 18 e 30 anos, pensionistas e familias con fillos menores.

Unha decena de establecementos hoteleiros do Salnés e un de Cuntis participan na campaña ‘Elixe Galicia’ da Xunta. Trátase dunha iniciativa que busca favorece-la reactivación do sector fóra da tempada estival entre un público de perfil doméstico.

O programa, que foi presentado esta mañá nun paseo en barco pola ría de Arousa, será xestionado polas axencias de viaxes. A Xunta asume o 40% das experiencias e os usuarios aboarán o 60% restante, cifrado entre 129€ e 222€ segundo o paquete escollido.

‘Elixe Galicia’ ofrece varios programas: Balnearios/Termalismo, Natureza e Montaña, Vacacións en Zonas Costeiras e Historia e Cultura. En total, hai dez estancias deseñadas por toda Galicia, catro delas nas Rías Baixas.

A iniciativa conta coa participación de 23 hoteis de toda Galicia. Un programa que dende o sector celebran, como unha boa ferramenta para a reactivación do sector a través do turismo interior.

O programa ‘Elixe Galicia’ vén de recibir en Fitur o premio ao Mellor Produto de Turismo Activo.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí