O mar e o patrimonio centrarán o Congreso de Turismo Industrial da Deputación

GALICIA> O turismo industrial e o mar’, ‘O turismo como motor do cambio industrial’ ou ‘O patrimonio industrial e o turismo: unha visión do futuro, son os títulos dos paneis de expertos ao redor dos cales xirará a terceira edición do Crossroads of Europe e a quinta do Congreso Europeo de Turismo Industrial que se celebrará entre o 17 e o 20 de xuño en Ferrol. O Congreso, cita clave no calendario de eventos de Galicia, está organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Dirección Xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, a Asemblea das Cámaras de Comercio e Industria francesas e a Cámara de Comercio e Industria de Toledo. Tanto os paneis de expertos que se celebrarán o día 18 de xuño como as mesas de traballo previstas para o día seguinte deseñáronse tendo en conta os obxectivos principais da cita, que pasan por dar voz a todos os axentes que participan neste segmento, concienciar sobre o potencial dunha nova forma de turismo e facer posible que o turismo industrial e o cultural se convertan nunha realidade xeradora de riqueza en moitos destinos. Para iso, é fundamental a parte práctica do Congreso, que inclúe a exposición de diversas experiencias de éxito que axuden a desenvolver novos proxectos tanto en Ferrol como na provincia ou en Galicia en xeral. Segundo explicou Diego Calvo, os temas que se han debater nas mesas de traballo son tamén claves para analizar as necesidades do Turismo Industrial e Cultural.