Un vilagarcián e un grovense caen no fin da Operación Zeus

    PONTEVEDRA> A Policía Nacional dá por concluído o operativo que permitiu desartellar unha banda de narcotraficantes que distribuía droga desde O Salnés a toda Galicia. Nesta última fase da investigación desenvolvida entre o 27 e o 29 de abril caeu un dos xefes da organización dentro do grupo que a policía perseguía actualmente. En total, este último golpe saldouse con cinco arrestados, dous dos apresados de Vilagarcía e O Grove. Oito meses despois de iniciada a Operación Zeus, a Policía Nacional dá por desmantelado o grupo organizado de narcotraficantes que supostamente se dedicaba a distribuír droga desde O Salnés a toda Galicia. Segundo informan hoxe os investigadores, a terceira fase da operación saldouse entre o 27 e o 29 de abril con cinco persoas detidas. Tres homes e dúas mulleres de idades entre os 29 e os 47 anos, residentes en Vilagarcía, O Grove, Ferrol e Vigo. Precisamente aquí, en Vigo, caeu o xefe da célula que quedaba por desmantelar. Un cidadán que se identificou cunha carta de identidade e un permiso de conducir de Bulgaria, todos falsos. Esta última parte da operación desencadeouse a raíz da detección o 29 de marzo de dúas persoas que transportaban un paquete cun quilo de cocaína desde o Salnés cara Ferrol. Detidos estes individuos procedeuse a rexistrarse catro domicilios no Salnés, dous en Vilagarcía, un en Ribadumia e outro en Vilanova. En total os axentes incautáronse de 1.260 gramos de cocaína, 2.400 de heroína, 26 quilos e medio de substancia de corte para heroína, 30 gramos de hachís e 54.500 euros en efectivo. Os investigadores consideran que o detido en Vilagarcía era colaborador da organización e un dos encargados de surtir a droga que estaba a ser transportada cara Ferrol. O arrestado no Grove está acusado de realizar labores de transporte da droga e intermediar nas transaccións de estupefacientes. Catro dos cinco detidos foron postos a disposición xudicial, quedando un deles en liberdades tras declarar coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido. A operación Zeus comezou a raíz da detección dun grupo de persoas asentadas na comarca do Salnés que estarían abastecendo de drogas a distintos puntos de Galicia. Na investigación puidéronse probar cando menos dúas transaccións de heroína e unha de hachís carta Vilagarcía, Marín e Lugo. Foi así como se desencadeou a primeira fase, na que caeron os supostos cabecillas da organización. O Xulgado de Instrución número un de Lugo foi o encargado de dirixir a investigación en coordinación co Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra, o Grupo de Estupefacientes de Lugo e a Unidade de Prevención e Reacción de Vigo. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/05/CONCLUE_OPERACION_ZEUS.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/05/CONCLUE_OPERACION_ZEUS.mp4{/flowplayer}