VILAGARCÍA> O BNG levará iniciativas ao Parlamento de Galicia contra a decisión da Xunta de trasladar a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés a Sanxenxo durante o verán. Os nacionalistas acusan ao PP de deixar desamparada a media comarca do Salnés e a toda a de Caldas para atender os turistas que veñen a Sanxenxo. Reclaman que Sanidade se faga cunha segunda unidade medicalizada para que ningunha das zonas quede descuberta.
Co inicio de xullo a ambulancia medicalizada que ten a base no hospital do Salnés xa marchou para Sanxenxo. Unha medida que se vén aplicando dende 2019, baseándose no desembarco masivo de visitantes a este municipio. Para o BNG é unha neglixencia.
Os nacionalistas non tiran a toalla con este tema e anuncian que levarán o asunto ao Parlamento para que todos os grupos da cámara se pronuncien. Cargan contra o conselleiro de Sanidade polas súas declaracións este martes no propio hospital do Salnés.
Os nacionalistas van máis alá, acusando ao PP de querer favorecer con esta medida un concello da súa cor.
Unha postura que comparten os técnicos de urxencias que insisten que esta reclamación non é para eles, senón para a cidadanía.
E continuarán coa recollida de sinaturas para entregar tamén a semana que vén no Parlamento de Galicia. Polo de agora levan recollidas unhas 2.000.











