O pósito rianxeiro acude ó Xulgado para reclamar o local que empregan os xubilados

    RIANXO> Dende a confraría sinalan que a actual situación económica da entidade impídelles poder asumir o gasto anual deste local. Finalmente será a xustiza a que deba determinar quen ten a razón. A confraría rianxeira reclámalle o Club de Pensionistas e Xubilados da localidade que abandonen o local, da súa propiedade, que dende hai uns quince anos empregan os maiores como a súa sede social. As razóns. O enorme gasto que supón para a confraría seguir mantendo este espazo, uns oito mil euros ó ano, unha cantidade demasiado elevada para as xa de por si mermadas arcas do pósito. Por esta razón dende a confraría decidiron presentar un recurso ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago no que se insta a Portos de Galicia, como titular das instalacións que foron outorgadas en concesión á confraría, a que realice o seu desaloxo forzoso, xa que os xubilados se negan a abandonar o local de xeito voluntario, ó consideralo xa a súa sede oficial.