BOIRO> Nunha multitudinaria gala celebrada no pavillón de Barraña, o Concello fixo entrega de galardóns ós mellores clubs e deportistas do municipio durante o pasado ano 2018.
Un bo número de persoas asistiu na noite do pasado sábado á Gala do Deporte. Presentada polo humorista Touriñán, a cita tiña lugar no pavillón de Barraña e nela pretendíase recoñecer o labor da totalidade dos clubs federados existentes no municipio, un total de 25, para os que o Concello tivo un pequeno recoñecemento. Durante o acto, o alcalde, Xoán Xosé Dieste, felicitou a tódolos premiados, destacando a boa saúde da que goza o deporte boirense.
Durante a Gala fíxose entrega tamén de mencións especiais a aqueles clubs ou deportistas máis destacados durante o pasado ano 2018. Coma mellor club revelación o premio recaeu nos xuvenís do Club deportivo Boiro. coma club máis numeroso premiouse á Escola municipal de Fútbol de Boiro; ó Club máis regular ó Club Boiro Voleibol e o da constancia recaeu no Club Piraguismo Rías Baixas.
Tamén se recoñeceu ó Boiro Feminino polos seus máis de 20 anos de vida, ó deporte inclusivo, da man das asociacións Ambar e Amicos, e o Club de Remo Cabo de Cruz pola súa traxectoria.
Houbo premios individuais tamén para Barbara Gómez e Raquel Rodríguez, as dúas piloto de rallies; para Iria Gómez do Club Natación Boiro coma mellor deportista adaptado; así como tamén para Lidia Filgueira e Jaime Arjones, os dous deportistas do Club Voleibol Boiro, coma mellores deportistas promesas de 2018.
En canto ós premios máis destacados do ano pasado, os galardóns recaeron no Club de Taekwondo Suh Sport. Para el foi o premio ó mellor club e tamén o de mellor deportista masculino e feminino, da man de Javier Torrado e Alma Pérez, respectivamente.
Un dos momentos máis emotivos da noite producíase coa entrega do premio honorífico. Un galardón que recaeu finalmente na figura de Ricardo Riveiro, presidente do Club Ciclista Boiro. Unha persoa ligada dende sempre a este deporte, verdadeiro impulsor do ciclismo en Boiro e na comarca.