Cultura promove o papel das bibliotecas na Formación Profesional

GALICIA> Un grupo de trinta docentes dos dezanove Centros integrados de Formación Profesional existentes en Galicia participaron na xornada técnica ‘A biblioteca escolar na FP’, organizadas pola Consellería de Educación e Cultura. Esta actividade, enmarcada na estratexia de bibliotecas escolares que desenvolve a Consellería a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), ten como obxectivo formar aos docentes e aos responsables das bibliotecas sobre as posibilidades e recursos que a biblioteca ofrece no que atinxe ás ensinanzas de Formación Profesional. Os participantes na xornada coñeceron as experiencias de dous centros galegos destas características, o CIFP Ferrolterra e o CIFP A Farixa de Ourense e achegáronse tamén á experiencia doutros dous centros de ensino secundario, en relación co tratamento das competencias informacionais e o fomento da lectura entre o alumnado xove e e as persoas adultas, mediante a fórmula dos clubs de lectura (IES de Porto do Son e IES Vilalonga, de Sanxenxo). Coa celebración desta xornada a Consellería procura impulsar o papel das bibliotecas escolares nos centros de Formación Profesional, unha etapa na que a biblioteca pode ter un papel fundamental á hora de favorecer as competencias no uso da información, imprescindibles para os labores que se desenvolven nas empresas, e en calquera aspecto da vida das persoas, polo que pode contribuír aos procesos de innovación neste tipo de ensinanzas.