GALICIA> Pontevedra, Meis, Moraña e Catoira súmanse á listaxe de concellos no nivel máximo de restricións. O comité clínico decidiu elevar a alerta en 55 municipios de toda Galicia, e son xa 116 os que se atopan nesta situación. Ademais, dende Sanidade alertan de que a situación é preocupante. As novas restricións entrarán en vigor na medianoite do xoves.
O comité clínico endurece as restricións en Pontevedra, Meis, Moraña e Catoira. Neste concellos aplicarase o nivel máximo de alerta: estarán pechados perimetralmente de xeito illado e a hostalería só poderá atender en terraza e no servizo a domicilio ou para levar. Outros 53 municipios súmanse a esta listaxe.
Polo seu tamaño e mobilidade, preocupa especialmente a situación na cidade de Pontevedra. Hoxe rexistráronse 259 casos activos, 19 máis que na xornada anterior. Nos últimos días tamén se está a dar un incremento da presión hospitalaria na área sanitaria Pontevedra-Salnés.
O comité clínico tamén creou outro nivel de restricións. Naqueles concellos onde a situación sexa grave, optarase por pechar a hostalería e toda a actividade que non sexa esencial. Polo de momento, estas medidas só se aplicarán en Viveiro, Arteixo e Xinzo de Limia.
En Galicia, a incidencia a 14 días é de 485 e a sete, de 297,6. Os datos trasladaranse ao Ministerio no consello interterritorial, onde a comunidade defenderá dotar ás autonomíasde mecanismos para variar o horario do toque de queda.
O comité clínico anunciou tamén que se suspenderán de xeito temporal as competicións do deporte federado de ámbito autonómico. Os adestramentos serán individuais ou en grupos dun máximo de catro persoas, e estarán suxeitos ao toque de queda e ás limitacións de mobilidade. Polo de momento, as restricións non afectan ás competicións de ámbito estatal.
As novas medidas entrarán en vigor na noite do mércores ao xoves.