POIO> Galicia pon en marcha un Plan Integral contra o acoso e o ciberacoso escolar. A creación de puntos laranxa para recoller as posibles denuncias, a constitución de equipos de actuación contra o acoso e a formación do profesorado nestas cuestións, son algunhas das medidas que comezarán a implantarse nos centros escolares de toda Galicia. Hoxe presentouse no colexio de Lourido, en Poio.
Tolerancia cero ante calquera forma de violencia e discriminación na escola. Esta é a premisa da que nace o Plan Integral contra o acoso e o ciberacoso escolar que hoxe presentou a Xunta de Galicia.
Segundo explican dende a Xunta, trátase dun plan cunha perspectiva multidisciplinar, no que están implicados seis departamentos do goberno galego. Entre as medidas, contémplase a creación de Puntos Laranxa para recoller as denuncias do alumnado.
Constituiranse equipos de actuación contra o acoso, realizaranse intervencións psicoeducativas co agresor para que mude o seu comportamento, formarase aos docentes para que conten cos recursos axeitados para enfrontar estas situacións e potenciarase a participación das familias.
O plan porase en marcha en todos os centros de Galicia, tanto de educación primaria como nos institutos. Tamén nos centros da xuventude.











