‘Había 20 ou 40 persoas e escapei por medo a que me mataran’

    pablo_bouzasCOPY.jpgPONTEVEDRA> Deste xeito, xustificou Pablo Bouzas o feito de que fuxira co seu vehículo despois de atropelar ó falecido Manuel Abalo.

    {flowplayer}images/salnes/XUIZO_MANUEL_ABALO.flv{/flowplayer}

    Esta mañá celebrouse o xuízo polo falecemento do vilagarcián Manuel Abalo tras ser atropelado no 2008 nun paso de peóns na Avenida da Mariña de Vilagarcía. 

    A vista oral comezou coa declaración do imputado, Pablo Bouzas. O mozo recoñeceu a acusación pero matizou que ía a unha velocidade moderada e que os feitos se produciron por un despiste. Fuxiu, dixo, porque tiña medo a posibles represalias ante a multitude de xente que se atopaba no lugar dos feitos.

    Pero non foi ata o día seguinte cando a Policía Nacional o detivo, segundo o imputado minutos antes de entregarse. Tamén prestaron declaración, tres dos catro mozos que a noite do 11 de maio de 2008 viaxaban con el no A4. Algúns recoñeceron que o alertaron para que reducise a velocidade e se detivese despois do impacto.

    Con todo, a defensa mantívose na súa petición e alegou que era unha persoa que tiña as súas capacidades limitadas coma consecuencia do consumo de drogas. A acusación particular solicitou a pena máxima.

    Pola súa banda, a fiscalía solicitou catro anos de prisión por condución temeraria e por homicidio imprudente grave. No xuízo tamén interviñeron coma testemuñas catro amigos de Manuel Abalo que se atopaban no lugar dos feitos. Todos recoñeceron que a iluminación era suficiente e que o vehículo circulaba a gran velocidade.

    O pai confesaba, minutos antes do inicio da vista, o seu desexo para que o proceso remate canto antes. O xuízo quedou visto para sentenza.

    Redacción Salnés