Galicia destinou 2’5 millóns en 2013 a vítimas de violencia de xénero

GALICIA> A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella deu conta no Parlamento das axudas económicas e das indemnizacións concedidas no ano 2013 ás mulleres vítimas de violencia de xénero. López Abella destacou que a nosa comunidade é pioneira no que atinxe á articulación das axudas económicas para mulleres vítimas de violencia de xénero, xa que ata fai uns meses Galicia era a única Comunidade Autónoma do Estado con axudas directas ás vítimas para posibilitarlles a súa independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia. O pasado ano a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu axudas económicas a 358 mulleres, establecidas en tres modalidades, as axudas periódicas, as axudas de pagamento único e as indemnizacións. O total das achegas económicas ás mulleres vítimas de violencia de xénero foi de 2.428.559,05 euros. No marco das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, foron beneficiarias un total de 286 mulleres vítimas de violencia residentes en Galicia percibiron esta modalidade de axudas. Por provincias, A Coruña e Pontevedra encabezan a listaxe con 104 perceptoras de axudas cada unha das provincias, seguida de Lugo con 44 e Ourense con 34. O perfil de idade maioritario é o de mulleres no rango de 26 a 45 anos, que representa o 69% do total. Hai 173 beneficiarias que son nais, e 20 teñen algunha discapacidade. Grazas á axuda económica de pago único e o fondo galego de garantía de indemnizacións foron perceptoras destas axudas un total de 61 mulleres, 15 delas con algún tipo de discapacidade. . O 77 por cento eran de nacionalidade española e oito de cada dez con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos. Na mesma liña, a titular de Igualdade relatou que na liña de indemnizacións o pasado ano houbo 11 mulleres beneficiarias desta indemnización, todas elas residentes na provincia da Coruña e no 82 por cento dos casos de nacionalidade española.