VILAGARCÍA> Coñecer de xeito inmediato a calidade das augas das nosas rías e controlar os produtos do mar. Son dous dos obxectivos do Intecmar, o Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño de Galicia. Ata as súas instalacións en Vilaxoán chegan a diario ducias de mostras de todo tipo, de auga ou de recursos marisqueiros, para seren analizados. Para iso o Intecmar conta cunha ampla rede de captación de mostraxes, a través de barcos ou coa colaboración das diferentes confrarías de pescadores.
Son as oito da mañá e dende o porto de Portonovo emprende o seu camiño esta embarcación á procura de mostras para o Intecmar, o Instituto Tecnolóxicao para o Control do Medio Mariño de Galicia, con base en Vilaxoán. Unha tarefa semanal, repartida por todas as áreas produtoras de Galicia.
Nesta mostraxe recóllense datos de variables físico-químicas. Ademais, aprovéitase para recoller mostras de auga.
Estas mostraxes a través de embarcacións fanse nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa, Muros-Noia e Ares-Betanzos. No resto de zonas tamén se toman mostras, grazas á colaboración das Confrarías, sumando ás 43 estacións oceanográficas unha serie de 16 estacións costeiras e 7 estacións automáticas.
Con todo isto, o Intecmar obtén información actualizada sobre cuestións medioambientais e de interese para os sectores produtivos. Por exemplo, datos sobre os nutrintes ou información sobre o coñecido popularmente como mareas vermellas.
Pero no Intecmar tamén se toman mostras de moluscos, tamén chegados de toda Galicia. Cada ano reciben aquí entre 7.000 e 10.000 exemplares para ser analizados.
Neste momento acaban de entrar no Intecmar varias mostras chegadas das confrarías, unha tarefa que se repite a diario, distribuíndoas polos diferentes laboratorios deste centro.
Con estas mostraxes garántese a calidade do produto que chegará ao consumidor. Os resultados diarios tamén se poden consultar na internet. Ademais, cando algún dos resultados é positivo, dende aquí lánzanse as alertas que se traducen logo no peche daquelas zonas afectadas, garantindo que ese produto non sexa extraído.










