Amigos de Galicia non poderá distribuír alimentos polas malas condicións da súa nave de Vilagarcía

VILAGARCÍA> A Fundación Amigos de Galicia estuda novos xeitos de distribuír alimentos perecedoiros entre as familias necesitadas, despois de que Sanidade lles prohibise almacenalos na nave que teñen nos Duráns, en Vilagarcía. No colectivo recoñecen que ese espazo non cumpre coas garantías, pero indican que a denuncia sérvelles para acelera-los seus plans de renova-lo seu método de traballo.

Sanidade prohibe a Amigos de Galicia almacenar alimentos nesta nave situada nos Duráns, en Vilagarcía. Dende aquí distribuíanse para toda Galicia produtos perecedoiros. O colectivo mesmo recoñece que os alimentos convivían con ratos e excrementos.

Segundo o presidente da Fundación, o seu plan era muda-lo sistema de distribución de alimentos, logo de anos empregando o mesmo método. Agora, é Sanidade a que precipitou este cambio.

A entidade pretende agora crear un sistema de reparto a través dunha tarxeta que o usuario poida validar en tendas de alimentación en cada un dos concellos nos que traballa. Como consecuencia, o volume de recadación de alimentos, moitos deles conseguidos a través de doazóns, vai minguar drasticamente.

Ademais, a Fiscalía está a investigar á Fundación tenza de alimentos caducados noutra nave, situada en Ourense.

Na Fundación din que nunca distribuíron ningún produto caducado e que van destruír os que teñen almacenados. Neste caso, foron dúas persoas que realizaban traballos en beneficio da comunidade as que denunciaron esta situación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí