A Xunta suspende as clases dúas semanas e limita as concentracións

GALICIA> Galicia endurece as medidas para controlar a expansión do coronavirus. A Xunta anunciou esta mañá a suspensión das clases en todos os niveis educativos a partires do luns e durante catorce días. Tamén se pecharán museos, bibliotecas ou centros de maiores, e haberá limitacións de asistencia para os actos públicos. Alberto Núñez Feijóo mantén a porta aberta, incluso, a suspender as eleccións do 5 de abril.

A expansión do coronavirus en Galicia marca a axenda política da Xunta. Tralo consello celebrado esta mañá, o presidente autonómico abría a porta a suspender as eleccións convocadas para o 5 de abril. Segundo Alberto Núñez Feijóo, a cita é actualmente algo secundario que só se celebrará se os galegos poden votar con garantías. Así as cousas, é o goberno central o que tomará a decisión definitiva.

Mentres, o goberno galego anunciou esta mañá un paquete de medidas.

Entre elas, destaca a decisión de pechar os colexios para previr contaxios. As clases suspenderanse durante 14 días nos centros públicos e privados; tamén as actividades extraescolares.

Nos centros sanitarios, a asistencia limitouse a un acompañante por paciente e non se permitirán as visitas de persoas que teñan síntomas respiratorios ou febre. Ademais, decidiuse o peche doutros espazos públicos.

O paquete de medidas inclúe limitacións para os actos públicos. Nos celebrados en espazos ao aire libre limitarase o aforo a 500 persoas e en espazos pechados a regra xeral será limitar a asistencia a 50 persoas. Se o local é máis grande, limitarase a un terzo do aforo.

As medidas tomadas dende a Xunta de Galicia xa foron replicadas por moitos concellos arousáns, que anunciaron o peche das súas instalacións deportivas e dos edificios públicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí