BARBANZA> Boas novas para a flota galega, xa que poderá capturar no que resta deste ano unhas catro mil toneladas de pescada sur sobre as preto de cinco mil que tiña asignadas inicialmente, o que significa un aumento de aproximadamente o 84%.
Este incremento baséase no acordo do regulamento dos TAC’s aprobado polo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea. A decisión reverte a tendenza á baixa das capturas establecida nos últimos oito anos.
Aínda que a medida é positiva, dende o sector sinalan que chega un pouco tarde, co ano practicamente acabado, polo que confían en que se manteña de cara ó vindeiro ano.
Este incremento de cota beneficiará a unhas 1.200 embarcacións pesqueiras españolas con base en portos, principalmente, do Atlántico, Cantábrico e Golfo de Cádiz, e na súa maioría do arrastre, volanta, palangre de fondo e artes menores.
Dende a Xunta, valoraron tamén de xeito moi positivo o anuncio da Comisión Europea, que coincide coa advertencia que viña facendo dende hai anos a propia consellería do Mar respecto á necesidade de revisar os datos aportados polos científicos que non coincidían co stock real da pescaría da pescada.