X. A. Neira Cruz faise coa cuarta edición do premio de literatura infantil e xuvenil Carlos Mosteiro

POBRA> O escritor compostelán xa resultara gañador deste certame na edición de 2019.

Esta mañá o xurado do premio de literatura infantil e xuvenil Carlos Mosteiro daba a coñecer o nome do gañador da cuarta edición do certame que organiza o concello da Pobra do Caramiñal, a asociación cultural Barbantia e a editorial Galaxia.

Trátase do escritor compostelán, Xosé Antonio Neira Cruz. Dáse a circunstancia de que este mesmo autor, que conta no seu haber con premios de gran prestixio, xa foi o gañador deste mesmo certame no ano 2019.

A obra titulada Por mor de cinco pizzas ós catro queixos foi elixida de forma unánime polo xurado de entre as 29 presentadas ó certame este ano, aínda que todas elas tiñan un alto valor literario.

O feito de quedar deserto o pasado ano, xunto co aumento da contía económica ata os 3.000 euros que recibirá o gañador, puido ser tamén unha das razóns do aumento da calidade das obras presentadas  ó certame, plasmado finalmente tamén no prestixio do escritor galardoado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí