Na busca de alternativas para evitar a creba das autovías de Salnés e Barbanza

    GALICIA> As concesionarias das autovías do Barbanza e do Salnés atópanse en risco real de entrar en concurso de acredores, tal e como ten acreditado a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con diferentes informes de carácter técnico, económico e financeiro. Ante á inviabilidade de ambas concesións, a Axencia Galega de Infraestruturas está a buscar a solución menos gravosa para o erario público cun único obxectivo: que autovías sigan operativas e prestando o mellor servizo aos cidadáns sen repercusión ao usuario e co menor custe para a Administración. Así o trasladou a directora da Axencia, Ethel Vázquez, na súa comparecencia na Comisión de Obras Públicas, durante a que explicou que as sociedades concesionarias do Salnés e do Barbanza teñen solicitado, ante esta situación, o reequilibrio económico do contrato de concesión, petición que está sendo analizada pola Xunta de Galicia. Segundo explicou Vázquez, a situación ven dada en boa parte polas caídas de tráfico en ambas infraestruturas. A directora da AXI apuntou que no caso da autovía do Salnés, o tráfico que circula pola concesión empezou sendo cerca dun 22,5% inferior ao estimado, porcentaxe que no 2013 acadou o 40,5%. As porcentaxes no Barbanza son dun 28,6% menos ao inicio da concesión, e dun 42% en 2013. Ethel Vázquez asegurou que A Xunta de Galicia está a analizar este problema, as consecuencias de que as concesións entren en concurso de acredores, así como as alternativas para que isto non suceda.