O executivo pobrense mellorará o entorno da Aldea da Raña

    POBRA> A actuación, cun custe duns 75 mil euros, será acometida con cargo ó Fondo de Compensación Ambiental da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Dende hai tempo o executivo pobrense tiña en mente a realización dun proxecto de mellora para o contorno da Aldea da Raña. Unha actuación que será agora unha realidade grazas á súa inclusión na convocatoria de subvencións a través do Fondo de Compensación Ambiental para as entidades locais de Galicia, que pon en marcha a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A cantidade asignada para a realización deste proxecto ascende a uns 75 mil euros. Dende o concello pobrense informaron de que se acometerá unha actuación de envergadura: Ademais dunha mellora estética, coa instalación de novo pavimento e mobiliario urbano, levarase a cabo tamén a instalación de pluviais, pozos de rexistro e a restauración dun vello lavadoiro alí existente, que levaba moitos anos abandonado. As obras permitirán tamén rematar cos problemas de inundacións existentes na zona, fundamentalmente no inverno, que afectaron a varias vivendas do lugar. Dende o concello confían en que a sobras saían en breve a licitación para proceder rapidamente á súa adxudicación para que poidan estar rematadas xa neste verán.