O Museo Valle-Inclán dará a coñecer ó público o seu funcionamento interno

A POBRA> Como cada ano, o concello da Pobra volverá conmemorar o Día dos Museos. Será a través dunha conferencia programada para este xoves día 21 na que se dará a coñecer o traballo interno do Museo Valle-Inclán. Os asistentes poderán seguir o percorrido que realizan os bens dende a súa entrada no museo ata a súa catalogación como parte dos fondos.Aínda que o seu principal cometido, e o máis coñecido,é a custodia e catalogación de fondos para a súa divulgación, o papel dos museos vai moito máis aló.

Co obxectivo de dar a coñecer o seu traballo interno, o concello da Pobra programou unha conferencia para este xoves a partir das oito da tarde no Centro de Estudos do Museo Valle-Inclán. O público asistente terá ocasión de achegarse ó laborioso proceso de musealización dun ben ou conxunto de bens dende a súa recepción. Procédese entón á avaliación do seu estado por se é precisa a súa restauración así como as xestións de control e depósito, rexistro, inventario e catálogo e posterior conservación.

Ademais desta conferencia, programada na semana en que se conmemora o Día Mundial dos Museos, o centro pobrense está tamén de celebración posto que vén de adherirse ó Sistema Galego de Centros Museísticos.

Coa recepción desta placa o museo pobrense consolídase como a institución valleinclaniana decana do país.