Saneamento e melloras viarias centran as propostas para o POS

    RIBEIRA> O PSOE de Ribeira presentou unha serie de propostas a incluír nos diversos plans de obras da Deputación da Coruña. A maior parte das actuacións céntranse na dotación de redes de sumidoiros e abastecemento, mellora de infraestruturas viarias e protección de elementos patrimoniais. Son moitas as necesidades en materia de saneamento e infraestruturas que presenta o rural polo que os socialistas ribeirenses propoñen numerosas actuacións para corrixir estas deficiencias con cargo ó Plan de Obras e Servizos e de Acción Social da Deputación. Ademais destas obras, instan ó executivo a destinar partidas para a ampliación da rede de fibra óptica, a apertura dos puntos de información turística durante a fin de semana ou a creación dun centro de interpretación das Illas Atlánticas. Estas propostas que se debaterán no pleno do próximo luns véñense sumar ás numerosas xestións realizadas polos socialistas no que vai de lexislatura. Destacan, entre outras, a solicitude da posta en marcha do centro de día de AGADEA, a mellora de accesibilidade no cemiterio municipal ou a próxima reunión que van manter coa policía local para coñecer as súas necesidades. A través doutras iniciativas, os socialistas interésanse pola situación de asociacións como os afectados pola talidomida ou os mariñeiros xubilados de Noruega.