RIBEIRA> As primeiras alarmas saltaban na tarde de onte.
Por causas polo de agora descoñecidas, orixinábase un incendio no arrastreiro ‘Awadi’, duns 50 metros de eslora, que se atopaba atracado dende había varias semanas no porto comercial da localidade.
Con rapidez foron chegando os primeiros equipos de emerxencias que se puxeron mans á obra para tratar de sufocar as lapas. Nese momento nada facía presaxiar que o lume acadase as dimensións que finalmente tivo…
Co barco xa moi afectado, e sen vítimas persoais, os esforzos céntranse agora en evitar o afundimento do buque e as posibles verteduras ó mar.
Á espera do que determine a investigación, todo apunta como causa máis posible da orixe do lume a uns traballos de mantemento que se estaban a realizar no barco.
Dende onte, traballa na zona un amplo dispositivo de emerxencias.
Ademais de efectivos dos parques de bombeiros de Ribeira e Boiro, GAEM e Policía Local e Nacional, traballan tamén na zona persoal de Portos de Galicia, Salvamento Marítimo e Gardacostas, que ten despregado na zona a varios remolcadores.











