22 hectáreas de monte foron calcinadas no concello de Noia

NOIA> O lume produciuse na parroquia noiesa de Barro. Foi necesario un importante despregue de medios para controlar as chamas.

Eran preto das 3 da tarde cando comezaron as chamas nos montes de Barro. As altas temperaturas rexistradas na xornada de domingo, facilitaron a súa rápida propagación e dificultaron as tarefas de extinción.O incendio, que todo apunta a que foi provocado, afectou máis de 22 hectáreas de monte e precisáronse máis de 6 horas para controlalo. Foi necesario un importante equipo de extinción de incendios. Segundo apuntou a Consellería do Medio Rural participaron seis helicópteros, dous avións, catro motobombas, unha pala, 13 brigadas, cinco axentes forestais e un técnico. A pesar destes esforzos, o lume non se deu por extinguido ata pasadas as once da noite. Afortunadamente as chamas non estiveron preto das casas pero foi necesario cortar a estrada que une as parroquias de Santa María de Roo e Augalevada ca AC-550. E no Concello de Boiro foi detido o responsable dos incendios producidos na parroquia de Bealo o 12 e 13 de Maio. As investigacións policiais deron cun sospeitoso que acabou confesando as súas andanzas. Os seus antecedentes facíano responsable de máis de dez incendios forestais e máis de 250 hectáreas de monte queimado.