A Xunta convoca os cursos para a obtención do título en competencias dixitais

GALICIA> A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica inicia a primeira edición do curso de teleformación para á obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX) , dirixida aos responsables das aulas CeMIT e das entidades colaboradoras e de acción voluntaria da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O CODIX acredita a formación en ofimática da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada. O itinerario formativo, cun total de 190 horas de contidos, e no que participan 112 persoas, rematará no mes de xullo cunha proba de avaliación presencial, que será necesario superar para obter a certificación. Unha vez acreditados os formadores das aulas, a partir de setembro, convocaranse cursos abertos á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimático e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT, que incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade. Os usuarios da Rede poderán acceder a partir de setembro a esta formación a través de tres modalidades, de xeito presencial, dentro da programación propia de cada unha das aulas CeMIT; a distancia, a través da plataforma de teleformación do portal CeMIT, EMA, onde se habilitarán quendas titorizadas en datas por determinar; ou a través da modalidade de autoformación para que poida ser realizada polas persoas interesadas, de forma independente mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.