A Universidade Popular da Illa celebra os seus 20 anos a prol do ensino para todos

A ILLA> A Universidade Popular da Illa conmemora o seu 20 aniversario. Para celebralo, a Federación Española de Universidades Populares celebra na localidade entre hoxe e mañá a súa asemblea xeral e unhas xornadas técnicas. Estarán centradas na industria cultural, dende o punto de vista da innovación e da igualdade.

As universidades populares foron creadas para facilita-lo acceso á educación a colectivos con dificultades por razóns económicas ou mesmo de xénero.  A da Illa está considerada como o principal referente en Galicia. A localidade herdouna do antigo concello de Vilanova, cando se escindiu en 1997. Durante todos estes anos soubo mantela viva, ofrecendo formación de calidade a aquelas persoas que non tiveron oportunidade de estudo.

Para conmemora-lo 20 aniversario da Universidade Popular da Illa, a Federación Española de Universidades Populares decidiu celebrar na localidade a súa asemblea xeral. Tamén van organizar entre hoxe e mañá unhas xornadas técnicas, centradas na industria cultural e as súas posibilidades de emprendemento, dende o punto da innovación e da igualdade de xénero. Dende a Federación aproveitan para poñer á Illa como exemplo de bo facer.

Ó longo destes 20 anos de traxectoria, a Illa foi o escenario de moitas accións formativas, nas que participaron milleiros de persoas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, encargouse esta mañá de abri-la xornada inaugural, recoñecendo o traballo levado a cabo nestes 20 anos dende A Illa en favor -dixo- da creación de espazos libres a través do coñecemento.