POBRA> Os socialistas acusan a Isaac Maceiras de vulnerar a lei de réxime electoral xeral polo acto de inauguración do auditorio provisional do Lagar. A pesar de que se trata dun feito consumado, xa que o acto denunciado tivo lugar o pasado 10 de maio, dende o Partido Socialista considérase que é o suficientemente grave como para denuncialo diante da Xunta Electoral de zona de Noia, para que actúe en consecuencia. Segundo a voceira desta formación política na Pobra, Teresa García Guillán, o alcalde vulnerou a lei de réxime electoral xeral, que prohibe claramente este tipo de actos. O coordinador comarcal do PSOE, Carlos Gey, criticou tamén este feito, xa que se trata, segundo el, dunha clara ilegalidade, que se ven na obriga de denunciar. A sanción á que podería enfrontarse o alcalde por esta infracción, se finalmente vai adiante, iría dos 300 ós tres mil euros. Dende o propio concello negaron tales feitos. o rexedor local fixo referencia ó escrito que o propio secretario municipal remitiu á Xunta Electoral de zona, explicando que o acto celebrado o pasado 10 de maio non foi unha inauguración, xa que segundo consta nos propios carteis, tratouse dunha actuación musical a cargo da rondalla Los Bohemios de Ferrol e a Banda do Tercio Norte.
Inicio Barbanza - Muros - Noia