AMBAR acollerá unha exposición mariñeira

    RIBEIRA> A Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional expoñerá “Rianxo Artesanal: Proxecto Ardentía”.

    Ardentía é unha exposición itinerante que xa leva percorridos 5 centros educativos públicos, tres concellos e un museo desde a súa presentación, o pasado 7 de marzo. Esta semana será a asociación AMBAR a que acolla este proxecto promovido pola Confraría de Pescadores de Rianxo, xa que a entidade ribeirense doulle soporte desde a memoria inicial. Ardentía fai un percorrido polas tradicións mariñeiras e pola evolución dos aparellos de pesca. Foi necesaria unha exhaustiva documentación a través de multitude de conversas cos mariñeiros de toda a vida. No obradoiro de alfabetización da asociación traballaron con estes paneis explicativos. Os usuarios do centro realizaron actividades en grupos centrándose nestes contidos. Desde AMBAR convidan ademais ó público en xeral a achegarse a coñecer a exposición, que estará dispoñible ata o luns día 26. Xa son varias as entidades interesadas en expoñer esta importante recolección de datos mariñeiros, entre as que destacan o Parque Nacional das Illas Atlánticas e o oceanográfico da Coruña. AMBAR anunciou tamén a súa colaboración no proxecto Horizonte 2030 que está a executar a Asociación Mexilloeira Rianxeira. A asociación, que apoia as persoas con discapacidades intelectuais participará en diversas actividades encadradas nesta outra iniciativa.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí