A localización dos restos de Manuel Hermo terá que agardar

RIBEIRA> Un equipo multidisciplinar composto por historiadores, antropólogos forenses, xenetistas e arqueólogos que integra o grupo Histagra da USC dentro do Plan de Memoria Democrática de Galicia 2021-2024 iniciaba o pasado ano un minucioso traballo de localización, exhumación e identificación dos restos de Manuel Hermo un veciño de Ribeira, que foi asasinado en agosto de 1936, na estrada que une Noia con Padrón, no lugar de Comparada.

A investigación realizada a petición da propia familia da vítima, a levou ó equipo do Histagra ata unha fosa común existente no cemiterio parroquial de Vilacoba. A exhumación realizada permitiu o achado duns restos óseos nunha fosa clandestina.

Aínda que se pensaba que os restos puideran corresponder cos de Manuel Hermo, os estudos xenéticos realizados, deron resultado negativo.

A hipótese que manexa o equipo do Histagra, a raíz das propias referencias aportadas polos testemuños dos propios veciños, así como outros documentos existentes da época, failles pensar que os restos poderían corresponder a Perfecto Vilas ou a Antonio Vilas, dous irmáns veciños de Lousame, que xunto a María Josefa Becerra, foron asasinados tamén polas forzas franquistas nesa época, coñecidos como o triple crime de Marselle.

A intención do grupo é o de seguir investigando nesa fosa para poder recuperar a memoria non só de Manuel Hermo, senón tamén doutras vítimas da represión franquista.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí