Protección Civil suspende das súas funcións ó presunto incendiario

    RIBEIRA> O mozo detido pola Policía Autonómica pola súa presunta implicación nun incendio forestal rexistrado o pasado mes de agosto era membro da Agrupación de Voluntarios. As imaxes que están a ver correspóndense con aquel incendio forestal rexistrado en agosto pasado na zona entre San Alberto e a Carballa. Un dos máis virulentos dos que se recordan na zona. As lapas ese día estiveron a punto de afectar ó polígono industrial de Xarás, obrigando ademais a pechar ó tráfico durante varias horas os accesos á Autovía do Barbanza. Calcináronse unhas 149 hectáreas. Case un ano despois daquel fatídico suceso, as investigacións levadas a cabo polos axentes da Policía Autonómica deron como resultado a imputación dun mozo, veciño de Carreira, que responde ás iniciais J.F.V., coma presunto autor deste incendio. Dase a circunstancia de que o xoven era voluntario na agrupación de Protección Civil e dende un primeiro momento tíñanse sospeitas del coma posible responsable do acontecido. Ó detido, que xa pasou a disposición xudicial, poderían imputarlle tamén outros incendios que se rexistraron nese mesmo entorno e que están sendo investigados, como o que se producía en novembro pasado ou o deste pasado domingo na parroquia de Palmeira. A detención do mozo provocou que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira acordara no día de hoxe e pola vía de urxencia suspendelo cautelarmente das súas funcións como voluntario, ata que non se esclarezan os feitos. Dende a Agrupación que emitiu un comunicado oficial, non se descarta a súa expulsión do corpo, unha vez se resolva xudicialmente este asunto e respectando en todo caso o principio básico de presunción de inocencia. Ademais no comunicado salientan o comportamento exemplar que caracteriza ós voluntarios da entidade, que prestan de forma altruísta un importantísimo labor que redunda en beneficio da comunidade social, incluso con risco das súas propias vidas. De feito, foron precisamente indicios detectados por outros voluntarios de Protección Civil os que permitiron a apertura da investigación en curso.