O PSOE boirense pide solucións ós reiterados vertidos

    BOIRO> Reclaman ó equipo de goberno que o saneamento se converta nunha prioridade desta lexislatura.

    O PSOE de Boiro cualifica de nefasta a xestión do alcalde, Xoán Xosé Dieste, no referente ó saneamento de augas e móstrase preocupado polo conformismo que amosou o rexedor respecto ó vertido da zona de O Coído, un feito que os socialistas veñen denunciando hai varias semanas. Respecto ó actual estado do Río Coroño, a oposición reclama que se execute a terceira fase do proxecto de saneamento deste leito, no cal se produciron varios vertidos de augas fecais. Critican ademais que Xoán Xosé Dieste prefira investir en parques infantís, que teñen máis visibilidade a un paso das eleccións municipais, en vez de executar obras de saneamento que urxen na localidade. Outro dos motivos que preocupa ó PSOE boirense é a perda da bandeira azul na praia de Mañóns. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor considerou que a calidade das súas augas non foi excelente nesta ocasión, tras realizar un conxunto de dez controis durante o 2013. O voceiro da agrupación socialista, Jorge Campaña, presentou no rexistro do concello unha instancia solicitando ó alcalde unha copia do informe para coñecer os motivos concretos polos que o areal quedou desposuído deste recoñecemento, cando levaba varios anos acadándoo. Solicitan ó executivo local que non eluda responsabilidades e poña fin ós distintos vertidos contaminantes que se producen dentro do concello.