Xa está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de Nadal en Ribeira

    RIBEIRA> Os interesados poden obter máis información na paxina web municipal: www.riveira.gal ou nas propias oficinas de Cultura, situadas no Centro Cultural Lustres Rivas. Como en edicións anteriores o departamento de Cultura de Ribeira volverá a ofertar para estas datas un amplo abano de actividades e obradoiros, incluídos no programa Nadal Cultural. Aínda así na presente edición haberá importantes novidades con respecto a anos anteriores. Unha delas será precisamente o lugar de celebración. O concello decidiu desenvolver o campamento multidisciplinar de Nadal Concilia nas instalacións do novo mercado e non no conservatorio como se facía ata o de agora. Entre os obradoiros que se ofertarán este ano figuran Arte Floral e Decoración de Nadal, Cociña e Repostería, Iniciación ó Baile, Iniciación á Artes Plásticas e á Escultura, e Informática e Novas Tecnoloxías. Cabe destacar tamén que un 10% das prazas dos campamentos de conciliación e os obradoiros estarán reservadas para aquelas familias en situación de emerxencia social. O prazo de inscrición nas actividades rematará o vindeiro nove de decembro, podéndose realizar de forma online na páxina web do Concello: www.riveira.gal ou acudir de xeito presencial ó Centro Cultural Lustres Rivas, en horario de nove da mañá a dúas da tarde.