Vales de comida para familias necesitadas

    BOIRO> Os vales teñen un valor total de 1.250 euros. Esta iniciativa e froito da colaboración entre Gadis, o IES da Cachada e a ONG ConTacto.

    A crise disparou a solidariedade nas nosas vilas e nas nosas comarcas. Onte viviuse en Boiro unha mostra de elo. O instituto da Cachada entregou 1.000 € en forma de vales solidarios á ONG ConTacto, para que esta os distribúa entre aqueles que máis o necesitan nestes intres. Este diñeiro correspondía ó profesorado do centro educativo. Era parte dun premio concedido pola Fundación GSD de Innovación Educativa, por executar un proxecto chamado “Encontros Multiculturais” nos que alumnos e profesores boirenses ofrecían ferramentas de apoio para a integración da poboación inmigrante na vila barbanzá. Conscientes das necesidades que están a pasar moitos veciños, desde A Cachada decidiuse transformar esta recompensa en vales solidarios. Os supermercados Gadis colaboran co centro nesta entrega solidaria realizando 50 vales de compra de 20 euros e aportando adicionalmente outros 250 € á ONG. ConTacto repartirá estes vales solidarios entre as familias coas que traballa habitualmente e outras que contacten a posteriori ca entidade, sempre e cando cumpran cos requisitos.