A Xunta oferta un cento de prazas para prácticas nos parques naturais galegos

GALICIA> A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas oferta 97 prazas para a realización de prácticas de alumnos universitarios galegos en parques naturais e centros de recuperación de fauna dependentes da Xunta. A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten asinados diversos convenios coas Universidades de Galicia en materia de realización de prácticas académicas externas de estudantes universitarios. Os horarios e as quendas dos alumnos serán establecidas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Cada Universidade, recadando as listaxes que faciliten as diversas facultades con titulacións vinculadas, poderá remitir unha relación de alumnos coa orde de prelación daqueles que estean dispostos a realizar as prácticas académicas nos parques naturais de Galicia ou nos centros dependentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Esta remisión realizarase antes do 30 de maio. Cada universidade terá o mesmo número de prazas asignadas. Non obstante, en caso de que unha universidade non cubra a totalidade das prazas vacantes, estas cubriranse con candidatos propostos polas outras universidades. A distribución do alumnado será equitativa entre as facultades solicitantes.