Os mariscadores ribeireses piden ó concello a reapertura dos viveiros da lonxa

    RIBEIRA > Os mariñeiros de Ribeira veñen de denunciar as importantes perdas que está a ocasionar no sector marisqueiro o baleirado dos viveiros da lonxa decretado polos servizos sanitarios hai dous meses. Esta medida veu motivada polos vertidos contaminates rexistrados na dársena portuaria posto que a toma de auga dos viveiros se atopa ó seu carón. O colectivo mariñeiro reclama ás autoridades locais e autonómicas que adopten as solucións técnicas precisas para reanuda-lo servizo, de xeito que se poida manter vivo o marisco ata o momento da poxa.

    Dous meses transcorreron xa dende que os servizos sanitarios interromperon o funcionamento dos viveiros de marisco da rula ribeiresa debido á existencia de augas contaminantes na dársena. Segundo o colectivo mariñeiro, en todo ese tempo, as administracións non foron capaces de atopar unha solución ó problema polo que os tanques continúan baldeiros.

    Este feito ocasionou importantes perdas entre o sector marisqueiro, que se ven agravadas pola súa coincidencia coa campaña de Nadal. Ó non poder dispoñer dos depósitos, gran parte do marisco que se almacenaba neles morre antes do momento da subhasta, baixando a súa cotización ata nun vinte por cento.

    Os mariscadores de Ribeira non entende a postura do goberno posto que a solución do problema non implica ningunha dificultade técnica. Soamente sería necesario cambiar de sitio a toma de auga, sacándoa do interior da dársena portuaria e poderíase entón proceder a enche-los viveiros de novo.

    Desta problemática fíxose eco o grupo municipal do BNG que presentou unha iniciativa ante a Alcaldía na que solicita a adopción das medidas oportunas para reanuda-lo funcionamento dos viveiros. Os nacionalistas esixen ó goberno local que garanta as condicións hixiénicas e sanitarias da auga que chega ós depósitos co fin de ofertar un servizo de calidade ós usuarios e evita-las perdas económicas que se veñen rexistrando.

    Os nacionalistas sosteñen que o goberno municipal non está a realizar as xestións para acabar co problema, a pesar de ser coñecedor das denuncias dos mariñeiros. Neste sentido, refírense á súa ‘grave irresponsabilidade’ e á ‘falla de sensibilidade e respecto’ polo sector posto que a solución técnica para manter o viveiro en funcionamento é perfectamente doada e asumible.

    Redacción Barbanza