Piden unha análise pormenorizada das facturas do alumeado público

    POBRA> Os nacionalistas queren comprobar se realmente se axustan á realidade ou se pola contra responden a unha tarifación excesiva por parte da empresa subministradora. Na solicitude, que será debatida na sesión plenaria deste xoves, os edís do BNG pediranlle ó equipo de goberno a realización dunha revisión pormenorizada das facturas do consumo eléctrico do alumeado público municipal emitidas pola empresa subministradora. Deste xeito fanse eco tamén do sentir de numerosos concellos galegos que teñen presentadas reclamacións por unha facturación excesiva, pedindo, no caso de que se detecten erros, a devolución do importe cobrado demais dende o ano 2009. Os nacionalistas piden ademais que se realice un estudio para avaliar as condicións do subministro eléctrico municipal, ó considerar que se podería tratar dunha fraude, e de ser o caso, promover un novo concurso público para conseguir a mellor oferta de subministración. Na moción tamén propoñen instar á Xunta a que tome as medidas necesarias para que se asesore e ampare ós concellos e que se abra os correspondentes expedientes ás distribuidoras polo cobro indebido.

    Comments are closed.