Unha colisión frontal no corredor Brión-Noia deixa dous falecidos

NOIA> O accidente producíase pasadas as catro da tarde no quilómetro 27 do corredor que une Noia con Brión. Foi un choque frontal entre dous vehículos. Nun deles viaxaban dous veciños de Noia, pai e fillo, de 78 e 41 anos de idade, respectivamente.

O pai, que conducía o turismo, falecía no punto, e o fillo, que ocupaba o asento do copiloto, resultou ferido de gravidade, e tivo que ser evacuado no helicóptero medicalizado do 061 ó Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O condutor do outro vehículo tamén falecía. Tiña 43 anos e era natural de Oroso.

No accidente viuse implicado tamén un terceiro vehículo, no que viaxaban dúas persoas, pero que resultaron feridas leves.

Ademais dos equipos do Parque de Bombeiros de Boiro, no operativo de emerxencias tamén participaron membros do GES de Noia, persoal sanitario e Garda Civil de Tráfico, así como tamén Policía Local de Noia e persoal de mantemento da propia estrada.

A consecuencia do accidente, a vía quedou pechada ó tráfico, desviándose a circulación dese tramo pola estrada convencional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí