SANTIAGO> Aínda que non era o que se xulgaba, o caso polo asasinato de Diana Quer estivo presente durante todo o xuízo. O Chicle é o autor confeso da morte da moza madrileña, e foi o intento de rapto da moza de Boiro o que desencadeou a súa detención. Na sesión de hoxe volveu quedar claro o estreito vencello entre ambas investigacións.
Segundo o relato da Fiscalía, esta foi a escena que se produciu o día de Nadal de 2017 na rúa Cruceiro, en Boiro. Nas súas conclusións, Ana Robles insistiu en que O Chicle planificou o ataque, mudando incluso o coche que ía empregar. Tamén considera probado que a intención do acusado era agredir sexualmente á moza.
Esta tese coincide coa defendida polos investigadores. Hoxe dous deles explicaron que neste caso O Chicle tería empregado o mesmo modus operandi que no de Diana Quer. De feito, xa estaban a investigalo pola desaparición da moza madrileña.
Este vencello entre ambos casos foi afeado polo avogado da defensa nas súas conclusións. Asegurou que este xuízo empregouse para sentar un precedente no de Diana Quer. Considera que José Enrique Abuín só podería ser condenado dun delito de tentativa de roubo.
Nesta última xornada, a encargada das análises de ADN confirmou a existencia de pelos da vítima no maleteiro do Alfa Romeo do Chicle. Ademais, unha forense do Imelga e dous psicólogos que están a tratar á moza boirense coincidiron en que sofre un estrés post-traumático grave.