O PP noiés abandona o pleno por desavinzas co equipo de goberno

    NOIA>> Nesta ocasión a marcha dos populares debeuse á expulsión dun dos seus compañeiros, o edil Xosé Luís Trillo. Como vén sendo costume nos últimos meses, a tensión e as continuas leas entre o equipo de goberno e a oposición nos plenos da corporación noiesa son xa unha constante. Na última sesión, a do pasado venres pola noite, asistimos a un novo capítulo deste enfrontamento, que rematou coa marcha dos membros do PP do salón de plenos, despois de que o alcalde expulsara da sesión ó edil Xosé Luís Trillo, despois de tres avisos. No momento da refrega debatíase a adquisición do edificio do antigo Casino. Unha compra que os populares non comparten. Unha polo seu elevado custe, uns 450 mil euros, e outra polas formas nas que se están a levar a cabo, segundo eles, as negociacións coa entidade bancaria propietaria do inmoble. Con anterioridade asistimos a outra refrega entre equipo de goberno e oposición. Un novo exemplo de como están as cousas no seo da corporación. O motivo da disputa foi unha proposta do executivo para a defensa dos intereses dos veciños de Taramancos afectados polas obras da variante. Segundo os membros do PP esta iniciativa chega tarde. Xa que grazas á súa intermediación coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas conseguiuse dar resposta, en 48 horas, as reclamacións dos residentes nesta zona que pedían un paso peonil subterráneo que lles permitise poder acceder as súas fincas e a zona da praia.