Liberadas tres mulleres que presuntamente eran explotadas sexualmente nun club de Meis

PONTEVEDRA> Axentes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, xunto co Xulgado de Instrución número 3 de Cambados conseguiron liberar a tres mulleres que estaban a ser vítimas de explotación sexual nun club de alterne en Meis.
Unha investigación do Equipo Muller Menor da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados permitiu liberar a tres mulleres de entre 18 e 24 anos que levaban tres meses padecendo a explotación sexual nun club de alterne en Meis.
os axentes alertados pola posibilidade de que neste club de alterne de Meis se estivese levando a cabo o presunto delito, decidiron realizar unha inspección no local, onde localizaron as tres mulleres o pasado 9 de xullo.
Segundo relataron chegaron a España crendo que realizarían labores de limpeza e que contraeran unha débeda de 3.000 euros pola viaxe, e que deberían devolvela antes de comezar a enviar cartos as súas familias. Posteriormente os axentes detiveron ao único propietario do local, un home brasileiro, residente legal en España e veciño de Meis. O home, de 33 anos, conta con antecedentes pero non por explotación sexual. Tras ser posto a disposición, decretouse o seu ingreso en prisión, que poderá eludir se abona unha fianza de 12.000 euros. No caso das mulleres en situación irregular en España, están en casas de acollida e agora será a Policía Nacional a encargada de realizar os trámites pertinentes para solucionar a situación administrativa, que podería derivar na súa regularización ou na súa devolución a Venezuela.