Traballo aproba dous obradoiros de emprego para o Barbanza

    BARBANZA> A Consellería de Traballo e Benestar desenvolverá dous obradoiros de emprego no Barbanza: o primeiro para os concellos de Lousame e Porto do Son e o segundo para Ribeira, Boiro, Rianxo e A Pobra do Caramiñal. O proxecto de obradoiro de emprego presentado polo concello de Lousame, en colaboración co de Porto do Son, beneficiará a 20 persoas desempregadas. A iniciativa suporá un investimento de preto de 180.000 euros ao departamento autonómico. Beatriz Mato indicou que o programa contará con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo nas especialidades de atención sociosanitaria, axuda a domicilio e albanelería. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica “de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional” que contribúe á mellora da súa empregabilidade. No caso de Lousame, dita cooperación posibilitou a creación do centro de día municipal de 40 prazas, no que o departamento autonómico investiu 700.000 euros. Mato indicou que nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas. En concreto, na provincia da Coruña financiaranse 15 obradoiros, que beneficiarán a 32 concellos, contarán con 315 alumnos e un investimento de 2,8 millóns de euros.